Chegou o momento do reto que máis agardaba, o
#retolibroscontos26 de maio (idea de
@mazadahorta). A miña queridísima Begoña Caamaño. A miña queridísima Morgana. Acompañádesme na aventura?
Primeiro de todo, Begoña é a raíña das reelaboración. Neste caso, foi máis alá e o que fixo é unha reelaboración dunha reelaboración. Un reretelling. Reelaboración². Porque a súa Morgana vén ata Galiza, ata Esmelle, para contarnos a nós e só a nós a súa historia. Sóavos? É onde vive o Merlín de Cunqueiro, en Merlín e Familia.
Esta ansia de contar as historias dende e con perspectiva de xénero non vén da nada. A nosa benquerida autora deixou un ronsel de artigos e entrevistas nas que deixa moi claro que non entende a vida sen o feminismo. Por suposto que as mulleres das súas historias falan coa súa propia voz. E sacan as cores ós personaxes masculinos.
Neste caso, Morgana chega a Esmelle coma unha aparición, de noite, no medio dunha treboada. Merlín recíbea case coma se a estivese a agardar. Xenebra, en cambio… “puta malparida” é o máis suave que lle chama.
Desprégase dende aquí a maxia desta novela, que da man de Morgana e Merlín vainos levar a Camelot, a Ávalon e ós sucesos que provocaron a súa caída. As argalladas de Merlín e Viviana, as vidas manipuladas de Artur e Xenebra, os amores imposibles de Lancelot… e, no medio de todo, Morgana; presenciando, vivindo e sufrindo as consecuencias dos actos que non sempre foron seus.
Recomendo encarecidamente esta lectura a todo o mundo, pero sobre todo as amantes das historias da Bretaña que, ademais, levan as lentes lilás postas e ven o mundo a través delas.
P.D.: A imaxe é a mesa que puxemos con referencias a ela e á súa obra na homenaxe que se lle fixo no meu insti, o IES Alexandre Bóveda, na presentación do documental producido pola RAG, Navegar no pracer do azul. O pracer foi meu, por poder participar.